Representantes dunha ONGD peruana parceira do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade visitan Riotorto
Representantes do Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación (CEPRODE) chegados dende o Perú visitarán o Concello de Riotorto da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Esta asociación galega, da cal forma parte o Concello de Riotorto, convidou á ONGD peruana a presentar en Galicia as accións a prol dun desenvolvemento sustentable que desenvolve no país andino con apoio do Fondo Galego.
A iniciativa enmárcase dentro da programación de ‘Visitas ao Norte’ que o Fondo Galego leva a cabo entre as súas actividades de sensibilización, xa que con este exercicio as administracións socias, como é o caso de Riotorto, e a súa cidadanía poden coñecer de primeira man o labor que se realiza cos seus recursos nos países do SUR. Ao mesmo tempo, favorécese o intercambio de ideas entre profesionais e activistas de sectores de traballo homólogos nas dúas beiras do Atlántico, xa que a delegación peruana non só se vai reunir con representantes políticos senón tamén con asociacións de mulleres, inmigrantes, campesiños,…
O director financeiro de CEPRODE, Pedro Almendáriz, e a alcaldesa de Altavillos Alto, Rosario Huamán, participarán nestes encontros que terán lugar o luns 24 de maio.
Ás 15 horas terá lugar a recepción institucional e posterior xantar, e ás 16:30 celebrarase unha xuntanza coa Asociación de Mulleres Rurais Pobo de Miranda e a Cooperativa de Labregos de Lugo.
‘Xestión do desenvolvemento sustentable en municipios rurais andinos’ é o título do proxecto no que CEPRODE e o Fondo Galego traballaron durante o ano pasado na rexión de Lima. Dende 2004, CEPRODE e o Fondo Galego veñen sumando esforzos nesta zona en torno ao desenvolvemento local e rural das comunidades andinas, integrando os enfoques de desenvolvemento humano e sostible con perspectiva de xénero, mediante o deseño de plans específicos, contribuíndo á erradicación da pobreza prestando especial atención á formación da muller campesiña para avanzar na igualdade.
